Carmen Cotelo
Resume do artigo "Metodología y antecedentes del grupo de trabajo"
O predominio das emocións sobre o afán de coñecer fai que calquera grupo humano sexa un grupo de suposto emocional, a dicir de Wilfred R. Bion no seu libro "Experiencias en grupos". Pero este grupo natural pode transformarse nun grupo sofisticado de traballo se se aplica unha metodoloxía axeitada que lle faga transcender eses supostos emocionais.
O artigo que estou a comentar define as características básicas dun grupo natural e as condicións de entrenamento para a transición dende este tipo de grupo ó chamado grupo sofisticado de traballo.
Formula Bion tres supostos básicos definidos que rotan na súa manifestación no grupo natural:
1.- Grupo de ataque-fuga: Predomina a actividade esquizoide-paranoide e, polo tanto, a fragmentación e a proxección. O exemplo normal deste caso é o Exército como grupo especializado. O significativo do caso é a existencia de inimigos exteriores e interiores. A desconfianza interna permanente supérase coa institucionalización da xerarquía. O grupo reúnese para soster un líder de quen depende para nutrirse material e espiritualmente e obter protección.
2.- Grupo de dependencia: A característica básica é a existencia dunha idea (ideoloxía ou dogma)ou dun líder que arrastra ó grupo e dificulta a realización da tarefa. O grupo especializado neste caso é a Igrexa e, con maior ou menor intensidade, os grupos ideolóxicos coma os partidos políticos. Problema principal deste suposto é a necesidade permanente que ten de recambia-lo líder, que adoita ser consumido polo grupo en beneficio da idea-dogma, que se entende como inmutable.
Nin no grupo de ataque-fuga nin neste de dependencia, o coñecemento xoga un papel significativo e, ademais, a historia só existe basicamente como xustificación: O grupo só ten memoria en relación co dogma ou en relación coa loita, non como experiencia que sustenta a acumulación de coñecementos.
3.- Grupo de emparellamento: Neste caso, dous elementos do grupo emparéllanse, aíllanse e proxéctanse nun futuro idílico de parella como expresión da pasividade do resto. Esta parella promete unha utopía, unha idealización, que vén ser o lideradego, elemento básico deste suposto.
Como se dicía máis arriba, para entrar na transición dende un grupo natural cara a un grupo sofisticado de traballo, requírese un entrenamento. Na sociedade son excepción os grupos que funcionan "aquí e agora", respectando a experiencia e planificando o futuro e o sentido do presente. Por eso,o entrenamento require unhas condicións metodolóxicas mínimas e a aplicación dunhas técnicas específicas.
A primeira condición é o coñecemento mutuo dos membros do grupo, que se obtén a través da exposición do que se fai ou da práctica da ensinanza. Deste xeito quedan reducidas as relacións máxicas entre os membros e foméntase a transparencia da información intercambiada. É crear condicións para a tarefa a definir.
A segunda condición é enche-lo grupo de información, de descripción especialmente oral, pero combinada coa escrita. A información pode ser teórica sobre o obxecto da tarefa ou da formación ou sobre a propia tarefa realizada polo grupo.
Conditio sine qua non é que o entrenamento ten que permiti-la formación a todos e cada un dos integrantes como monitor-director do grupo, como observador do mesmo e ten que efectuarse aplicando a metodoloxía científica de "proba e erro" (aproximacións sucesivas) e da crítica intersubxectiva. Deste xeito, prodúcese un permanente e planificado cambio de roles no proceso de coñecemento do traballo.
Por outra banda, é básica a formación dos membros en actitudes de traballo propias da tarefa grupal (sistema de valores explícito: respecto mutuo (puntualidade, respecta-la palabra, ideas e opinións); positividade (evitar enfrontamentos sobre o marxinal,construir, complementar); conciencia de límites (humildade,ninguén está en posesión da verdade); comunidade científica(opinións e hipóteses contrástanse,só se convence coa razón e os feitos); o grupo non é monopolio de ninguén (as decisións prepáranse e pódense tomar en grupo); e continuidade (planificación, ritmo e programación).
jueves, 8 de mayo de 2008
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario